Back
Marilar Aleixandre: Filla do minotauro, a (Paperback, 2018, Editorial Galaxia, S.A.) 3 stars

Review of 'Filla do minotauro, a' on 'Goodreads'

3 stars

o mellor deste libro é a forma na que interpreta os mitos gregos (aínda que neste caso creo que é máis correcto chamalos romanos, xa que os nomes dos deuses corresponden a esa versión). consigue reinterpretar diversos personaxes e episodios desta mitoloxía, polo que queda un mundo moi rico. ademais, a mestura destes elementos coa ambientación histórica da Silicia no 1944 (os cazatesouros, as mafias, as protestas dos mineiros, a guerra...) dá un resultado moi interesante de ler.

entón, por que lle dou só 3 estrelas? porque tanto a trama como os personaxes son algo frouxos. aínda que unha orde segreda que agocha tesouros arqueolóxicos dos contrabandistas semella unha idea emocionante, tárdase demasiado en chegar a ese punto e non se nota un medo real do que lles poda pasar aos protagonistas. isto é xustamente porque os personaxes non se senten moi reais. están aí só para amosar como é o mundo no que viven e continuar a trama. hai momentos nos que incluso se detén a intriga para que o personaxe do capítulo conte a súa historia, unha reimaxinación do seu mito orixinal. esas seccións en si mesmas son interesantes, mais deixan a trama que debería ser principal nun segundo plano.

tamén falando dos personaxes, necesito facer un paréntese para falar do romance. non é unha parte moi significativa da novela, mais para a pouca importancia que ten non lle vexo a razón de estar. ademais, o seu desenvolvemento síntese estraño. Miranda e Antelmo coñecíanse de antes, mais Miranda non se lembraba del. despois dunha escena medio incómoda na que Antelmo mira demasiado as pernas de Miranda, ela pensa no guapo que está despois de dous anos sen velo e el cóntalle unha anécdota de cando eran crianzas; Miranda queda completamente namorada del (ou, como mínimo, cun crush). se non hai páxinas suficientes para desenvolver o amor que sinten un polo outro, mellor facer que Miranda xa tivese interese por el dende antes. Antelmo podería non darse conta, irse por dous anos e volver, igual que acontece no libro.

en conclusión: se gostades da mitoloxía grega/romana, está guai. se buscades unha trama trepidante ou personaxes carismáticos, mellor lede outro libro.