Back
Meghan M. Hicks, Bryon Powell: Where the Road Ends (2018, Human Kinetics) 3 stars

Every year, countless runners, endurance athletes, and outdoor enthusiasts discover the sport of trail running. …

Aquí tes a miña mán, acompáñote.

3 stars

O obxectivo deste libro é quitarlle o medo á xente a correr por camiños.

Motivación

O temor ao que non coñecemos semella ser un dos factores principais que fan que a xente non corra na natureza. A curiosidade non abonda para superalo, e este libro intenta darlle unha man e acompañar a quen o precise.

O libro publicouse en 2014 (hai dez anos) e algunhas das referencias e bibliografía poden parecer desactualizadas, pero o 99% do contido do libro é totalmente asimilible á época actual.

Dito isto, eu non fun quen de ler todos e cada un dos capítulos ao completo. Ao estar orientado, principalmente, a persoas que corren pero só o fan en asfalto/pista entón a min facíaseme repetitivo a veces e redundante, como se me estivesen contando algo que xa sabía. De feito así é despois de tantos anos correndo polo monte.

Quitarlle ferro

Trailrunning é correr por camiños. Non é ultrarunning, non é carreiras de montaña, é un concepto moito máis amplo (e inclusivo), onde entra todo aquelo que se fai fóra do asfalto e a pista. Si, podes estar correndo máis alá dun maratón; podes subir e baixar de altos cumios, pero tamén dar voltas a esos camiños de terra estreitos e revirados que hai no parque enfronte á túa casa. Ou na contorna da praia. Ou esos carreiros que soben aos muíños e que pasan por diante da porta.

Correr por camiños é correr. Empezas por camiños fáciles e transitables e vas complicando a cousa, se che presta. Non precisas equipamento especial (para comezar), nin adestrar desta ou aquela maneira, o principal é ter respeto polos lugares por onde pasas correndo, pola natureza, polos animais e as demais persoas. Personalmente serviume para lembrar certos conceptos, o que é relevante e accesorio, a que cousas hai que prestar atención en cada caso.

Tamén, neste eido, non me resultou relevante aprender a diferente sociabilidade que ten o oso grizzly do oso negro, ou como mitigar o mal de altura, ou correr con neve, ou no deserto,... o que non quita de que para ti o poida ser.

Algúns aspectos do libro están moi orientados a unha perspectiva norteamericana (USA), onde o trailrunning é algo así como o descubrimento da natureza, onde teñen en mente os grandes espazos públicos e parques (aquelo é moi grande de dios e están ben servidos neste aspecto), pero o libro apela directamente a desfrutar, a apreciar o camiño que temos ao lado da casa.

Hai interludios no libro onde aparecen comentarios ou reflexións de corredoras e corredores famosos que ilustran o concepto do cal estamos a ler nese capítulo. Tamén, ao final de cada capítulo, temos unha pequena recensión, a xeito de convite, para ir descubrir esos lugares tan bonitos onde perderse(!) correndo.

Corolario

Non nos sobra a ninguén prestar máis atención, escoitar e atender os sinais que nos envía o noso corpo, entender os diferentes signos da fatiga, cando preocuparse e cando non, normas básicas de seguridade para a nosa saúde, os diferentes tipos de adestramento e técnica que nos axudarán a ir correndo con maior seguridade e desfrutar máis. Pero prestar atención non significa perderse nun mar de dúbidas e non saír a correr relaxados porque nos parece todo moi complicado.

Pode que precises unhas endereitas para saber o tipo de material preciso para cada tipo de terreo, protexerte da meteoroloxía, que tipo de alimento levar,... é dicir, a intendencia e a loxística que pode traer o feito de ir correr pola natureza. Precisas planificar adestramentos? aquí tamén hai capítulos dedicados a iso, de forma xenérica para toda unha tempada así como específicos dependendo do aspecto da carreira que pretendas mellorar.

Non vou facer apoloxía de correr por camiños, ti verás. Pero non teñas medo, o trailrunning está na porta da casa.